Friday 03 de May de 2024

A Xunta executará a vindeira semana traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas nas comarcas de Noia, Fisterra, A Mariña, Vigo e Baixo Miño


As tarefas executaranse a partir do luns nas estradas AC-554, en Outes; na AC-445, en Corcubión, Cee e Fisterra; na LU-862, no Vicedo; na PO-552, en Vigo e Tui; ou na PO-252, en Pazos de Borbén
Os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas continúan a vindeira semana nas comarcas de Noia, Fisterra, A Mariña, Vigo e Baixo Miño.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, está a realizar estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Estes actuacións, que xa comezaron a semana pasada, desenvolveranse a partir do luns nas estradas AC-554, en Outes; na AC-445 e na VG-1.4, en Corcubión, Cee e Fisterra; na LU-862, no Vicedo; na PO-552, en Vigo e Tui; ou na PO-252, en Pazos de Borbén.
Ao longo da semana pasada, estas obras leváronse a cabo xa nas marxes de vías das contornas da Mariña luguesa e do Baixo Miño.
Os traballos continuarán nas próximas semanas noutras estradas da comunidade autónoma ata ter finalizados en xullo todos os labores programados.
As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais.
Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.